Galiza por la Paz: DECLARACIÓN DA PLATAFORMA GALIZA POLA PAZ DIANTE DO ATAQUE CONTRA A REPÚBLICA ISLÁMICA DE IRÁN

A Plataforma Galiza pola Paz condena o ataque militar levado a cabo polos Estados Unidos e Israel contra a República Islámica de Irán. Unha agresión que non pode ser minimizada nin relativizada, e que require de nós unha resposta clara en defensa da paz e do dereito internacional.

Esta ofensiva non é un feito illado. Inscríbese nunha cadea de agresións sistemáticas que o imperialismo e o Estado de Israel veñen exercendo contra os pobos da Asia Occidental: a destrución do Iraque e da Líbia, a guerra na Siria, o xenocidio en curso en Gaza, os ataques ao Líbano, as inxerencias no Iemen, e os anos de presión política e económica sobre Irán, con aberta guerra diplomática e mediática e periódicos ataques militares a infraestrutura militar, enerxética e científica, ou con magnicidios como o de Qasem Soleimani. O que hoxe ocorre é, na realidade, máis un paso dunha escalada deliberada, dirixida a dobrar a vontade dun Estado e dun pobo que se negan a aceptar a tutela das potencias dominantes.

Washington leva décadas a tratar de impedir o xurdimento de calquera potencia rexional que non estea disposta a orbitar ao seu redor. Nun contexto en que a orde unipolar está cada día máis cuestionada pola emerxencia dunha abertura multipolar — na que os BRICS e o propio Irán xogan un papel crecente —, os Estados Unidos intensifican a presión sobre quen non acata as súas directrices. O obxectivo non é a paz nin a estabilidade: é a preservación da hexemonía global a calquera custo, incluído o uso da forza militar cando a chantaxes económicas e diplomáticas non chegan para conseguiren os seus obxectivos. Israel actúa neste contexto como un vector privilexiado desa política, coa cobertura diplomática, financeira e militar de Washington.

Resulta significativo que sexa Israel, un Estado que posúe arsenal nuclear fóra de calquera control internacional e que leva sete décadas de ocupación ilegal en Palestina e en Siria, quen encabece a narrativa que pretende xustificar este ataque. Un Estado que desde a súa propia fundación vén ignorando de maneira sistemática todas as resolucións da comunidade internacional e que leva dous anos e medio sometendo Gaza a un xenocidio innegábel ante os ollos do mundo. Que este Estado sexa presentado como garante da paz e da seguridade rexional constitúe un dos paradoxos máis flagrantes do noso tempo, e revela o cinismo con que as oligarquías occidentais usan a palabra “paz” para lexitimar a súa dominación.

Fronte a este escenario, afirmamos que a paz que nós defendemos non é unha paz abstracta nin neutral. É unha paz que esixe o cesamento inmediato de toda agresión militar; o recoñecemento pleno da soberanía dos pobos para determinar os seus propios camiños, incluídos os mecanismos que cada Estado considera necesarios para a súa defensa; e o desmantelamento das lóxicas imperialistas que converten as relacións internacionais nun sistema de subordinación ou caos.

Irán, como calquera outro Estado, ten dereito á súa integridade territorial e ao seu desenvolvemento soberano. Esixir que un pobo renuncie á súa capacidade de autodefensa mentres é atacado de maneira recorrente constitúe un absurdo inaceitábel, incompatíbel con calquera principio real de xustiza ou igualdade entre as nacións do mundo. 

Neste escenario, da Plataforma Galiza pola Paz, chamamos o pobo galego, que vén demostrando nos últimos meses unha conciencia e un compromiso sostidos fronte ao xenocidio palestino, a manter a súa mobilización e a ampliar esa voz solidaria. A construcción dunha paz verdadeira é inseparábel da loita contra o imperialismo e o militarismo. Frear esta dinámica de guerra é responsabilidade de todas nós.

Galiza pola Paz!