O sábado 10 de xaneiro dende a Alameda de Santiago ás 12:00 horas
A Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) vén de convocar canda outras organizacións sociais, políticas e sindicais, entre elas a CIG, unha manifestación para rexeitar a agresión ianqui a Venezuela, pola paz e a soberanía dos pobos. A marcha terá lugar o vindeiro sábado 10 de xaneiro dende a Alameda de Santiago ás 12:00 horas.
Esta iniciativa da solidariedade internacionalista galega ten por obxecto condenar a agresión militar dos EEUU contra o país latinoamericano, rexeitar o secuestro do presidente venezolano, Nicolas Maduro, e da primeira dama, Cilia Flores, ademais de “expresar a nosa solidariedade co pobo venezolano e defender o dereito á soberanía dos pobos”.
As organizacións convocantes denuncian que o acontecido constitúe unha violación grave do Dereito Internacional
As organización convocantes lembran que o que está a acontecer no país caribeño constitúe unha violación grave do Dereito Internacional e do sistema multilateral. Neste senso, denuncian a vulneración da Carta das Nacións Unidas e do seu principio de prohibición do uso da forza contra a integridade territorial dun Estado, así como do propio dereito á soberanía nacional de Venezuela. E censuran que a intervención careza de autorización do Consello de Seguridade da ONU, “polo que é ilegal”. Ademais de establecer un “precedente perigoso” que ameaza a seguridade global e rexional.
En consecuencia, fan un chamamento ao movemento político, sindical, asociativo e social galego para mobilizarse masivamente o próximo sábado en Santiago baixo o lema ‘Alto á agresión ianqui contra Venezuela. Pola paz e a soberanía dos pobos’. “Galiza é un país solidario e internacionalista, afirmamos con rotundidade: non á guerra, non á inxerencia, si á soberanía dos pobos e á paz. Galiza coa Venezuela!”, sinalan dende as entidades promotoras da manifestación:
AGABO e as organizacións integradas no Capítulo Galego da Internacional Antifascista: a propia AGABO, Asamblea Republicana Galega, Asociación Galego Cubana Francisco Villamil, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Central Unitaria de Traballadoras (CUT), Comité Antifascista da Louriña, Comité Galego do PCE (m-l), Colectivo da Raia, Comunismo Revolucionario Galego, Confederación Intersindical Galega (CIG), Encontro Galego contra a OTAN, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Insubmisas contra o Rearmamento, Mar de Lumes, Movemento Arredista, Partido Comunista da República Galega (PCRG), Partido Comunista do Pobo Galego, Partido Comunista dos Pobos de España-Comunistas da Galiza, Plataforma Antifascista e Republicana, Podemos Galiza, Unión do Pobo Galego (UPG), Xuventude Comunista de España (Marxista-Leninista).











